Saturday 04 de May de 2024

O concello de Riveira licita a reordenación do paseo das Carolinas para culminar a remodelación da fachada marítima da cidade


A obra será costeada íntegramente por Portos de Galicia

 

O Concello de Riveira vén de dar luz verde na súa última xunta de goberno local á licitación das obras dirixidas á reordemación do paseo das Carolinas e do entorno do parque García Bayón: unha esperada actuación que dá continuidade á que se está finalizando na avenida do Malecón co propósito de culminar a remodelación da fachada marítima da cidade.

Cómpre lembrar que Portos de Galicia asumiu o financiamento desta obra orzamentada en 578.758 euros, IVE incluído, en virtude do acordo rubricado polo presidente desta entidade, José Juan Durán, e do alcalde Manuel Ruiz no pasado mes de abril: un acordo que encarga que sea o propio Concello o que licite a actuación ademais de elaborar o correspondente proxecto técnico.

De acordo con este documento, preténdese dar prioridade ao peón sobre o tráfico rodado conferindo a este entorno o carácter urbano que lles corresponde. Neste sentido, habilitarase un único carril de circulación en dirección saída, ampliarase a xardineira central e, no que atinxe á parte pegada ás casas, reordenarase esa zona dispoñendo aparcamentos en batería e ampliando o espazo de uso dos viandantes.

Carril bici
Ademais pola banda pegada ao porto crearase un carril bici que una o existente no Touro-Malecón co do paseo de Coroso, de tal xeito que toda a banda litoral da cidade sexa percorrible en bicicleta.

Por outra parte, instalaranse liñas novas de pluviais nos tramos que sexa necesario: serán en total 180 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro, así como 15 acometidas, 45 arquetas e 5 pozos de rexistro.

O prazo de execución destas obras son cinco meses.